Selección de Músicos e Solistas 2019 (Banda Sinfónica de Galicia)

FORMULARIO DE SOLICITUDE PARTICIPACIÓN BSG 2019 (CLICK AQUI)

O encontro da Banda Sinfónica de Galicia terá lugar entre os días 5 ó 11 de Agosto en Ortigueira (A Coruña), realizando unha xira con 3 concertos (Ribadeo, Sober, Ortigueira).

Poden participar músicos galegos a partir de 15 anos (cumpridos no 2019) e sen límite de idade.

Toda a información sobre o proxecto educativo, os obxectivos así como o organigrama pódese encontrar na web: https://bandasinfonicadegalicia.com/

O encontro para a xira 2019 “Música e Valores” contará con profesores colaboradores, monitores, así como actividades culturais e de ocio.

Cada compoñente da BSG  estará cuberto por un seguro de responsabilidade civil e outro de accidente, entregándoselle ademais unha camiseta da agrupación e un diploma no transcurso do encontro.

Todas as novidades iranse publicando a través da web e nas redes sociais.

Hai tres modalidades de participación:

  1. a) Asistencia ao Encontro Musical (100€)
  2. b) Asistencia ao Encontro Musical + Xantar (140€)
  3. c) Asistencia ao Encontro Musical + Pensión Completa (210€)

En todas as modalidades están incluídas as viaxes en autobús e as comidas nos desprazamentos.

A organización poñerá un número de teléfono de contacto permanente durante o encontro.

Quen pode formar parte da Banda Sinfónica de Galicia (BSG)

Poderán formar parte dela músicos galegos ou con residencia en Galicia, a partir de 15 anos (cumpridos no 2019) e sen límite de idade.

A Banda Sinfónica de Galicia estará formada en torno ós 50 compoñentes (frautín, frauta, óboe, corno inglés, fagot, requinto, clarinete, clarinete baixo, saxofón alto, saxofón tenor, saxofón barítono, trompeta, trompa, trombón, trombón baixo, bombardino, tuba, violoncello, contrabaixo, e percusión).

A BSG xurde da consolidación do proxecto da Banda Sinfónica Infantil e Banda Sinfónica Xuvenil de Galicia, e da continuidade á labor pedagóxica que se leva facendo dende o 2015. Para a conformación desta banda buscaranse, ademais dos obxectivos da BSG, o valor tanto pedagóxico do encontro, como artístico dos seus membros, inquedanzas musicais, así como a predisposición por mellorar e de facer da práctica do instrumento algo incorporable ó cotiá da vida.

Sede para ensaios:

Escola Municipal de Música de Ortigueira

Teatro da Beneficencia de Ortigueira

Comidas e albergue: 

Restaurantes de Ortigueira

Colexio Público de Ortigueira/Escola Municipal de Música (Albergue)

Concertos:

9 de agosto,  Auditorio Municipal de Ribadeo (Lugo)

10 de agosto, Auditorio Municipal de Sober (Lugo)

11 de agosto, Teatro da Beneficencia de Ortigueira (A Coruña)

Directores:

Carlos Diéguez e David Llano

Profesores colaboradores:

Directores de Banda e mestres de diferentes conservatorios e escolas de música de Galicia

Solistas:

Aberta a convocatoria de “Proxectando Sons” para participar como solista na xira da BSG.

Actividades culturais e de ocio propostas:

Visitas guiadas polos pobos e comarca nos que se realicen os concertos, Festa da Amizade, gravación de documental sobre a BSG,…

PROCESO DE SELECCIÓN

Dentro do proceso de selección, valorarase positivamente a versatilidade ou o dominio de instrumentos como o frautín, corno inglés, saxo tenor, barítono, requinto ou clarinete baixo, trombón baixo.

O proceso de selección farase seguindo os seguintes apartados:

1) Por a gravación enviada (*)

2) Por versatilidade, no caso dos instrumentos anteriormente citados (marcar cada un deles no formulario de inscrición)

3) Por  nivel de estudos musicais (escola/conservatorio) que realiza/realizou.

4) Por o lugar de procedencia/residencia (facendo plural e representativa no posible á Banda Sinfónica de Galicia)

5) Por un criterio de paridade entre rapaces e rapazas.

6) Ter sido seleccionado/a nos 4 encontros anteriores da BSIG/BSXG dende o 2015.

Un comité artístico formado por profesores de conservatorios, escolas de música e o director musical da BSG realizarán a selección dos participantes.

(*) OBLIGATORIO: Envío de Vídeo.

Os vídeos non superarán os 5 minutos de duración, onde o/a candidato/a interpretará unha pequena peza ou un movemento dunha obra de libre elección. (Non é necesario o acompañamento de piano).

Pódense enviar ó email: bandasinfonicadegalicia@yahoo.es a través de plataformas como wetransfer, link de youtube…; ou a través de WhatsApp ó 633830540 (decindo o nome e apelidos antes do comezo da interpretación ou adxuntando esta información).

O vídeo (ou en información adxunta) deberá incluír o nome e apelidos do/a candidato/a correspondente, en caso contrario desestimarse a súa valoración.

No caso da especialidade de percusión valorarase positivamente que a gravación de vídeo conteña fragmentos con diferentes instrumentos tanto (láminas, multipercusión, etc.)

As solicitudes faranse vía internet, cubrindo o seguinte formulario de pre-inscrición antes do 2 de xuño. Cada candidato comprométese a asistir na súa totalidade ós ensaios e concertos programados.

O 10 de xuño comunicarase por e-mail os resultados da convocatoria, abríndose un prazo para formalizar a inscrición que rematará o 24 de xuño. Realizarase unha lista reserva da que se fará uso en caso de producirse algunha baixa. O prazo para formalizar a inscrición dos/das candidatos/as seleccionados como reserva concluirá o 30 de xuño:

FORMULARIO DE SOLICITUDE PARTICIPACIÓN BSG 2019 (CLICK AQUI)

Proxectando Sons: Concurso de Solistas BSG

1) INSCRICIÓN:

A inscrición realizarase online, a través do Formulario de Solicitude de participación do encontro 2019 da Banda Sinfónica de Galicia, debendo marcar o recadro correspondente para participar no concurso.

O prazo rematará o 2 de Xuño de 2019.

2) A QUEN VAI DIRIXIDO:

Poderán participar músicos galegos ou con residencia en Galicia, a partir de 15 anos (cumpridos no 2019) e sen límite de idade.

3) DATAS:

A primeira fase é común á selección do envío dun vídeo para participar como músico da BSG. O tribunal proposto pola BSG seleccionará ós/ás candidatos/as que pasan á seguinte fase.

Esta segunda parte, é unha audición pública. Levarase a cabo ó sábado 29 de xuño, no Teatro da Beneficencia de Ortigueira. Nela, os/as aspirantes deberán interpretar unha obra ou movemento, cunha duración aproximada de 8-12 minutos. Os candidatos que o desexen deberán traer o seu propio pianista acompañante. Para os candidatos da especialidade de percusión, no caso de ser seleccionados enviarase unha lista completa do material de percusión proporcionado pola Escola Municipal de Música/Banda de Ortigueira.

4) PREMIOS E CONDICIÓNS:

Ao final da segunda fase (29 de xuño)  premiarase ás dúas puntuacións máis altas, establecendo un Primeiro Premio e un Segundo Premio.

O premio consistirá en actuar como solista en diversos concertos da Banda Sinfónica de Galicia, na xira “Música e Valores”. Concertos que serán gravados nun documental.

A empresa Piccolo Music Store colabora co concurso, outorgando dous vales en material (200€ ó 1º premio, e 100€ ó 2º premio).

Finalizado o último concerto farase entrega dun Diploma acreditativo do concurso e vales en material.

As condicións que se establecen para a aceptación dos premios son:

1) Participar no encontro da BSG, como músico e solista; asistindo á totalidade de ensaios e concertos programados.

2) Proposta unha/varias obra/s (solista e banda) cunha duración non superior ós 10 minutos, para tocar xunto á BSG nos concertos programados durante a xira.

5) COMITÉ SELECCIONADOR E TRIBUNAL:

O tribunal estará formado por profesionais galegos no ámbito da docencia musical, xunto co comité artístico da BSG.

 

Convocatoria para Compositores «Construíndo Sons»: Click Aquí

bsg. convocatoria 2019

Anuncio publicitario
Publicado en 2019 | Deja un comentario

«Música e Valores», Xira 2019 da Banda Sinfónica de Galicia

No ano 2015 iniciábase en Galicia o Plan Nacional de Bandas, impulsado pola Asociación Nacional de Directores de Banda, coa creación da Banda Sinfónica Infantil de Galicia. En 2017 ó proxecto sumaríase a posta en marcha da Banda Sinfónica Xuvenil de Galicia.

Ambas agrupacións, nas que formaron parte preto de 300 mozos e mozas galegos, realizaron encontros anuais con concertos nas 4 provincias galegas; contando ademais coa participación de importantes solistas, estreas de obras ou masterclass.

O proxecto cumpre a súa 5ª edición no 2019 co debut da Banda Sinfónica de Galicia (BSG).

A BSG xurde da consolidación do proxecto da Banda Sinfónica Infantil e Banda Sinfónica Xuvenil de Galicia, e da continuidade á labor pedagóxica que se leva facendo dende o 2015.

Para a conformación desta banda buscaranse, ademais dos obxectivos da BSG, o valor tanto pedagóxico do encontro, como artístico dos seus membros, inquedanzas musicais, así como a predisposición por mellorar e de facer da práctica do instrumento algo incorporable ó cotiá da vida.

Poderán formar parte dela músicos galegos ou con residencia en Galicia, a partir de 15 anos (cumpridos no 2019) e sen límite de idade.

A Banda Sinfónica de Galicia estará formada en torno ós 50 compoñentes (frautín, frauta, óboe, corno inglés, fagot, requinto, clarinete, clarinete baixo, saxofón alto, saxofón tenor, saxofón barítono, trompeta, trompa, trombón, trombón baixo, bombardino, tuba, violoncello, contrabaixo, e percusión).

O encontro terá lugar entre os días 5 ó 11 de Agosto en Ortigueira (A Coruña), realizando unha xira con 3 concertos:

9 agosto: Auditorio Municipal de Ribadeo

10 agosto: Auditorio Municipal de Sober

11 agosto: Teatro da Beneficencia de Ortigueira

O proxecto inclúe ademais da convocatoria para a selección dos músicos, dúas propostas para solistas e compositores:

Construíndo Sons: Convocatoria para a participación de novos compositores galegos. O encontro levará por tanto programadas as obras seleccionadas, que  serán interpretadas nos diferentes concertos. As obras serán editadas e distribuídas gratuitamente a todas as agrupacións musicais que o demanden.

Proxectando Sons: Convocatoria para participar como solista na xira da Banda Sinfónica de Galicia.

A xira 2019 da Banda Sinfónica de Galicia  conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, dos Concellos de Ortigueira, Ribadeo e Sober, así como das escolas e bandas de ditas vilas e das empresas Editorial Dos Acordes e Piccolo Music Store.

MÚSICA E VALORES (XIRA 2019 DA BSG)

Musica e valores é o título da xira que realizará a Banda Sinfónica de Galicia neste 2019 e que levará o seus Sons ás terras do Eo, Lemos e Ortegal.

Un dos pilares básicos deste proxecto son os valores, uns valores que se fomentan e potencian por medio do traballo en equipo, como é o caso de tocar nunha banda. Esa convivencia a través da nosa afección pola música, os gustos e intereses comúns,  compartindo preocupacións, alegrías, triunfos e ca seguridade de contar cun apoio incondicional dos nosos compañeiros da banda.

Os valores son o cimento das relacións duradeiras, o respecto polos compañeiros, o traballo colaborativo, ser xeneroso, prestar axuda sen demandar nada a cambio, son pequenos detalles no decorrer diario que sentan as bases da nosa propia personalidade. Esto é primordial para facer música e todo elo fai posibles as sinerxías entre tódolos membros dunha banda. Tocar, escoitar, sentir, compartir experiencias fai da música algo único.

A música é un  arte para compartir, non para competir. É algo que esquecemos  habitualmente e que dificulta a unión e conexión entre escolas, conservatorios, bandas…  e músicos. Nos encontros dende o 2015, a xuventude galega demostrounos a gran calidade humana e musical que teñen. Tan só fai falla que os apoiemos e creamos que se pode construír un horizonte mellor para as nosas agrupacións.

Todo elo a través dos valores, da  amizade como leitmotiv da música, da  convivencia, da vida.

Datas de interese:

15 abril ó 2 de Xuño: Selección dos Músicos 2019 da BSG e convocatoria para solistas (Proxectando Sons)

1 de Maio ó 15 de Xuño: Construíndo Sons. Programa para novos compositores

5 ó 11 de Agosto: Encontro e Xira 2019 da Banda Sinfónica de Galicia

1 de Setembro ó 30 Novembro: Abertas candidaturas para sedes, directores e proxectos 2020-2021 das Bandas Sinfónicas de Galicia.

Publicado en 2019 | 2 comentarios