Ortigueira

A comarca de Ortegal, situada na provincia da Coruña, é a máis septentrional da península Ibérica. Caracterízase pola beleza e contraste das súas paisaxes. Así, atopamos na zona vales fértiles e elevadas serras que caen de novo ao mar para formar abruptos cantís ou afundirse suavemente nas praias do contorno.

Vistas dende o castelo do CasónVistas dende o castelo do Casón

O Concello de Ortigueira artella a comarca. Un punto de encontro que conxuga montaña, val, río, mar e especilamente ría, a máis ampla de todo o norte de Galicia.

Ortigueira limita cos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, As Somozas, As Pontes e Mañón, todos eles pertencentes á provincia da Coruña.

Xeomorfoloxía

A topografía do Concello é moi accidentada. As serras da Capelada e Faladoira – Coriscada non presentan cotas de grande altitude. Os seus cumios máis elevados sitúanse a carón do mar, contrastando co contorno da Ría, que ofrece alturas inferiores aos 100 metros.

Deste xeito, podemos atopar no perímetro marítimo praias de pendentes moi suaves ou abruptos cantís, onde o vento e o mar esculpen peculiares formas nas rochas.

Hidrografía

Ortigueira presenta un complexo sistema hidrolóxico formado por varios ríos e multitude de regatos. Discorren polo municipio o Baleo, Mera, Casón, Maior, Lourido e o Barros, entre outros, para desembocar nas augas da Ría.

Todos eles son de modesto caudal, curtos e de grande pendente, debido á proximidade do mar e á fisonomía accidentada do terreo.

Clima

O clima de Ortigueira é Oceánico húmido. Predominan as temperaturas suaves, cunha media anual de 13,1°C, sen acadar extremos significativos.

Os invernos son chuviosos e húmidos, cunhas precipitacións medias anuais de 1.000 – 1.500 mm. Estas repártense nuns 150 días de choiva ao ano.

Como chegar

Principais accesos por estradaPrincipais accesos por estrada

Coche

A principal vía de comunicación é a estrada AC-862 de Ferrol a Foz e Ribadeo, que empalma en Neda coa antiga N-VI pola que se chega á Coruña, cun percorrido total de 99 Km. dende a capital de Ortigueira. A distancia ata Ferrol é de 53 Km. Desta estrada, que constitúe a principal arteria de comunicación da zona, saen cara á costa e ao interior outras vías polas que se accede ás diversas parroquias e aldeas do termo municipal.

Se desexas chegar por estrada ata o Concello podes calcular rotas alternativas e obter información adicional na Guía Interactiva Campsa.

Autobús

A compañía Arriva une Ortigueira coas principais cidades de Galicia. Podes solicitar máis información sobre rotas e horarios nos teléfonos 981 239001 -estación da Coruña- e 981 311370 -estación de Ferrol-.

Tren

Renfe conta con liña de ferrocarril ata Ferrol. Dende alí é posible ligar coa liña férrea que chega a Xixón –FEVE– e ten estación en Santa Marta, en Ponte de Mera e en Santa María de Mera, así como apeadoiros en Espasante e Loiba. Podes obter máis información sobre estes servizos no teléfono 981 370 401, de atención ao cliente as 24 horas do día.

Avión

Os aeroportos de Santiago de Compostela e Alvedro -na Coruña- están a 130 e 90 Km. de Ortigueira, respectivamente. As liñas aéreas Spanair, Air Europa e Iberia ofrecen conexións diarias nacionais e internacionais. Podes informarte nas súas propias webs ou ben no portal de Aeroportos Españois e Navegación Aérea –AENA-.

Máis información en:

www.turismoortigueira.com 

Anuncios