O concello de Mondoñedo atópase na metade norte da provincia de Lugo, e ten unha superficie de 142,7 km². Fai fronteira polo norte cos concellos de Alfoz e Foz, polo sur, coa Pastoriza e Riotorto, polo leste, con Lourenzá e polo oeste, con Abadín. A poboación de Mondoñedo distribúese ao longo das 15 parroquias que forman o concello.
É a capital da comarca da Mariña Central, malia ser a terceira cidade en poboación, despois de Foz e Burela.
Entre o seu patrimonio natural destaca a cova do Rei Cintolo, situada no lugar de Supena (parroquia de Argomoso), e que cos seus 7.500 metros de lonxitude constitúe a maior cova de Galicia, e os saltos naturais da Fervenza, formada polo río Tronceda afluente do Masma e o Salto do Coro, formado polo río Valiñadares.
O val no que se atopa o concello conserva numerosos restos arqueolóxicos como dolmens, castros, coma o de Zoñán e petróglifos, os cales amosan que xa existían asentamentos na vila dende o neolítico.
A primeira mención a Mondoñedo é de 1112: a raíña Urraca traslada a Sé Episcopal de San Martiño de Mondoñedo a Vilamaior do Val de Brea, ou Valibria, a actual Mondoñedo . En 1156 Afonso VII concédelle a categoría de cidade. A Sé Episcopal trasladouse a Ribadeo entre 1182 e 1230 para fomentar o poboamento desta vila.
O episodio máis soado da historia antiga de Mondoñedo foi a decapitación do mariscal Pardo de Cela. Acusado de traizón e apresado no seu castelo da Frouseira, a súa muller obtivo o perdón da raíña Isabel a Católica, pero os inimigos do Mariscal detiveron os portadores do indulto real na ponte do Pasatempo o tempo preciso para que fose executado.
O seu casco vello foi declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1985, nel destacan a praza da catedral, monumento nacional construído no século XIII e cara onde conflúen todas as rúas da vila. En Mondoñedo destacan outros edificios coma o Santuario dos Remedios, construído a mediados do século XVIII, o Hospital de San Paulo, construído na mesma época, o Convento da Concepción, o Mosteiro dos Picos e o Seminario Conciliar. A paisaxe arquitectónica da vila caracterízase polos tellados de lousa das casas que rematan nuns picos de pedra típicos chamados «ameas» para protexerse contra o vento. A vila de Mondoñedo é un dos puntos polos que pasa o Camiño de Santiago, sendo lugar de descanso para os peregrinos. Aparece vencellada historicamente coa diocese de Britonia-moi posibelmente abranguendo terras entre a serra do Xistral e a foz do río Navia- e coa chegada de poboación bretoa, procedente da Illa do mesmo nome no século V. Entre estes sobrancea a figura do bispo Mailoc.
Foi capital da provincia de Mondoñedo, unha das sete provincias galegas históricas até 1833.
Patrimonio histórico e artístico
- Mosteiro dos Picos:
- A Alameda, situada entre o santuario dos Remedios e os Hospital de San Paulo, foi plantada en 1594 polo rexedor Luís de Luaces, que celebrou a primeira Festa da Árbore de Europa. Hai un monólito conmemorativo.
- Mosteiro de Alcántara, do século XVIII, abandonado na actualidade.
- Convento da Concepción, de comezos do século XVIII, construído para acoller as monxas concepcionistas que habitaban no pazo de Couto do Outeiro, sen se ateren aos canons do Concilio de Trento.
- Pazo do rexedor Luaces, número 6 da praza da Pena de Francia, de estilo gótico isabelino.
- Consistorio Vello, construído no século XVI. Ten un escudo de Carlos V na fachada, un eneixado de ferro forxado e unha forneliña a San Roque, por un antigo voto do concello. Actualmente é a biblioteca municipal.
- Pazo Episcopal, incendiado en 1832 e moi restaurado logo.
- Fonte Vella de Álvaro Cunqueiro, construída en 1548 polo bispo Diogo de Soto. Ten os escudos de Carlos V e do propio bispo.
- Capela de San Roque, do século XV.
- Ponte do Pasatempo, nos Muíños de Arriba, onde tivo lugar a dramática escena do final da vida de Pardo de Cela. Cruza o río Valiñadares, no que houbo noutrora moitos muíños. Ten un único arco de medio punto de 7 m. de luz construído en xisto e cantería coa calzada alombada e grosos muros.
- Seminario de Santa Catarina, do século XVIII, cunha balconada de ferro, os escudos dos fundadores, e a imaxe de Santa Catarina.
- Casa do Concello, pazo do século XVIII. Ten un escudo da cidade na fachada. Foi cuartel.
- Cuartel da Garda Civil, antigo pazo do século XVIII, con escudos.