Carlos Diéguez Beltrán (Director Artístico)

fotoNace en Monforte de Lemos en 1980, iniciando os seus estudos musicais na Escola de Música de Sober para proseguilos nos Conservatorios de Ourense e A Coruña onde obtén o Título Superior en Trombón de varas.

Compaxinou os seus estudos instrumentais cos de Dirección de Banda, sendo licenciado neste campo pola Royal Schools of Music de Londres e Diplomado en Dirección de Banda polo Instituto Superior Europeo Bandístico de Trento (Italia). 

Foi membro da Banda de Música de Sober, Banda de Música Municipal do Concello de Monforte de Lemos, European Union Youth Wind Orchestra, Banda Artística de Merza, Banda de Trofa (Portugal) ou da Banda da Federación Galega entre outras agrupacións.

Como director titular estivo á fronte da Banda de Música de Sober, Nova Banda de Vilatuxe, Banda Municipal de Guitiriz e da Banda de Música de Ortigueira; sendo na actualidade o director da Escola Municipal de Música de Ortigueira (EMCO).

Como director invitado dirixiu bandas en diversos países, destacando entre estas á Banda Nacional de San José (Costa Rica), Banda Provincial Ciudad de La Habana (Cuba), Banda Sinfónica de la Universidad de La Laguna (Tenerife), Banda Sinfónica do Conservatorio Profesional de Música de Ourense, Banda Sinfónica de la Facultad de Filosofía y Letras de la Universidad de Buenos Aires, a Rundfunk- Blasorchester de Leipzig (Alemaña), a Mladinski Orkester Intercampus (Eslovenia), Banda Velha União Sanjoanense (Portugal), Banda Sinfónica da Ribeira Sacra, Banda Unión Musical do Norte de Galicia, Banda Sinfónica Juvenil Simón Bolívar (Venezuela), Banda Simfónica de Reus (Catalunya), Banda Municipal «Fernando Guerrero» de Los Palacios y Villafranca (Sevilla) ou a  Orquestra de Jovens do Baixo Vouga (Portugal); entre outras agrupacións.

Entre os concertos máis emotivos realizados figura a dirección do concerto oficial da conmemoración do Centenario do Himno Galego, en decembro do 2007 no Teatro Fausto de La Habana baixo a batuta da Banda Nacional de Conciertos de Cuba. (Mesma agrupación que o interpretou por primeira vez).

Frecuentemente é convidado a impartir charlas e conferencias sobre a historia das bandas no mundo, o oficio do director ou a psicopedagoxía do mestre; así mesmo participou como congresista no «I Festival Internacional de Bandas Sinfónicas y Ensambles de la Ciudad de Buenos Aires».

No estranxeiro, Carlos Diéguez impartiu ademais seminarios de dirección de banda no Conservatorio Superior «Manuel de Falla» de Buenos Aires e na Escuela de Bandas «Gonzalo Roig» de la Ciudad de La Habana.

Ten publicado diversos materiais relacionados coa música de vento e a docencia, destacando o seu libro sobre El Oficio de director de Banda e o primeiro método español para bandas: Bandeando. Destaca ademáis o seu método de Linguaxe Musical: Solfeando.

Carlos Diéguez é a súa vez Presidente da Asociación Nacional de Directores de Banda, Vice-presidente do Colegio Oficial de Directores de Bandas de Música Civiles, director asociado da WASBE (World Association for Symphonic Bands and Ensembles),  así como Director Artístico da Banda Sinfónica de Galicia.

Web: https://carlosdieguez.org

Anuncio publicitario