Allariz

O concello de Allariz sitúase na metade occidental da provincia de Ourense, ocupando unha extensión de 86 km², pola que se espallan 87 núcleos de poboación repartidos en 16 parroquias. Linda ao norte con Taboadela, ao sur con Rairiz de Veiga e Vilar de Santos, ao leste con Paderne de Allariz, Xunqueira de Ambía e Sandiás, e ao oeste coa Merca e A Bola.

O punto máis elevado do municipio é o monte Penamá (927 m). A rede hidrográfica xira en torno ao río Arnoia, de 87 km de lonxitude, que atravesa o municipio de leste a oeste. O clima pódese definir como atlántico de interior con influencias continentais, con grande abundancia de microclimas dependentes do val.

As comunicacións establécense por estrada. As principais son a estrada N-525, Benavente – Santiago de Compostela, e a autovía A-52, Benavente – Vigo, que cruzan o municipio de noroeste a sueste.

O conxunto urbano de Allariz resulta de especial interese dentro de Galicia sendo merecedor en 1971 da declaración de Conxunto Histórico-Artístico.

Historia

A poboación ten a súa orixe no castro que domina o decorrer do río Arnoia, cruzado por camiños estratéxicos; mais o seu desenvolvemento primixenio está sen aclarar. Os restos de petróglifos e castros máis temperáns datan do 1º milenio a. C. Sobresae entre os primeiros o conxunto da Padela. O monte do Castelo anteriormente era un castro, así o testemuña a morea de cerámica achada na superficie. O máis estudado é sen dúbida o de Armea, na parroquia de Santa Mariña, escavado nos 50 por Conde Avís. Os obxectos atopados áchanse no Museo Provincial de Ourense.

A localización á beira do río Arnoia foi un aliciente para o asentamento romano. Abundan calzadas da época (San Isidro, Roiriz), así como topónimos que sobreviviron na Idade Media (Portela de Airavella, Portela de Magarelos). No monte Castelo e en poboados castrexos romanizados tense atopado abondosa cerámica. Descoñécese a situación da necesaria ponte romana existente entre os tramos de Potovello e Acea Rica, onde se cre que ergueuse posteriormente unha ponte medieval.[8]

Da época sueva hai varias lendas, como a que marca a súa fundación por Aliarico ou a de ter sido Corte de Witiza. O que se pode asentar para ese período é que un cabaleiro suevo de nome Aliarico a repoboou cara os séculos V-VI con carácter agrícola dándolle o nome de Villa Aliarici. Os suevos tamén deron nome ás parroquias de Guimarás e Gundiás. Xa neste tempo construíronse varias edificacións relixiosas como o mosteiro de San Martiño de Pazó, o mosteiro de San Trocado e o mosteiro de San Adrián de Amiadoso, todos eles dependeron de Celanova.

A primitiva basílica de San Bieito data do século X, construída no mesmo emprazamento que a actual.

O seu papel propiamente histórico comeza no século XI, ao se converter no berce da monarquía galaico-leonesa. No propio século XI Afonso VI de León mandou erguer o castelo e as murallas, ao seu pé medrou o primeiro casarío. Entre os anos 1132 e 1140 foi fundamental nas guerras contra a expansión secesionista do reino de Portugal, polas que o sur de Galicia non foi absorbido por Portugal.

No século XII Afonso VII concédelle á Vila o famoso Foro que a converteu en poboación de reguengo. Todo indica que o castelo de Allariz foi sempre residencia das familias reais e lugar de educación dos príncipes e dos infantes. O período chamado «Século de Galiza», no que esta se cubriu de igrexas, mosteiros, castelos e prósperas poboacións e no que as artes e as letras chegaron a construír unha civilización propia, foi consecuencia da irradiación do poder real aquí asentado.

No século XIII, sendo rei Afonso X o Sabio, veu en darse á Vila un trato especialísimo, e mesmo se mantivo e reforzou a vixencia do foro de Afonso VII contra a súa propia tendencia unificadora. Porén, non puido conter a revolta da «Vila de Allariz» en favor do infante Don Sancho quen a nomeou «Chave do Reino de Galicia», ao mesmo tempo que en extramuros medraba unha importante colonia xudía. Na segunda metade do século a súa dona, Violante, ordenou a construción do Convento de Santa Clara, finalizado en 1302, dous anos despois da morte de Violante. Os obreiros que construíron o convento formaron o barrio do Couto, mais despois foi ocupado polos xudeus.

No primeiro terzo do século XIV, con Don Filipe ao mando, a comunidade xudía vive un auxe. Neste século ten a súa orixe a Festa do Boi de Corpus, cun gremio de artesáns enfrontados coa comunidade xudía. A finais de século agudizouse a oposición entre o poder real que representaba a Vila e o episcopal do veciño Ourense e realizáronse grandes modificacións na muralla.

En 1446 Xoán II cedeu a Vila e a súa xurisdición ao Conde de Benavente que a desexaba dominar toda Galicia. Este constrúe o seu propio recinto amurallado do que se preserva o muro de Entrecercas. En 1471 os Irmandiños de Galicia sitiaron o Castelo. Este famoso cerco durou 9 meses. No mesmo século XV tivo lugar a fundación do Hospital.

Entre os séculos XVI e XVII construíronse numerosas casas fidalgas, erguéronse os catro Cruceiros da Vila, fúndase o Pósito Agrícola e comeza unha serie de guerras con Portugal que continúan no século XVIII pola cuestión sucesoria. Neste mesmo século, un incendio destrúe parte do Convento das Clarisas que se reedifica posteriormente.

Entre 1571 e 1580 houbo vagas de peste bubónica, polo que os medos da época espertaron a procura da protección do ceo, e quedasen disto obras de tanta significación como os cruceiros. Froito de canteiros allarizaos, a composición das súas figuras é acusadamente gótica serodia.

O século XIX comeza coa ocupación das tropas napoleónicas, o que causou numerosos estragos no valioso patrimonio da Vila, mais o exército de Soult, derrotado no Porto buscou tres meses despois un precario refuxio na Vila. A desamortización de mediados de século levou ao desmantelamento do Castelo e arruinou o Mosteiro. O século remata coa desaparición da ponte da Zapatería e de boa parte dos tramos amurallados. En 1900, a Vila vive intres de prosperidade, chegando a ter 10.000 habitantes. O liño era a principal ocupación con máis de 50 talleres. A decadencia desta actividade coincide co despunte do curtido do coiro, principal actividade da bisbarra xunto coa cerámica até principios dos 60.

No século XX, ao mesmo tempo no que en 1902 proclámase a Afonso XIII, un raio fai desaparecer a igrexa do Salvador do Piñeiro. En tempos de Miguel Primo de Rivera inaugurouse a estrada Allariz – Celanova. Co inicio da guerra civil española un incendio derrubou o edificio municipal e o seu arquivo, mais estes dous feitos non teñen relación algunha.

Monumentos

O Convento de Santa Clara e Museo de Arte Sacra foi fundado en 1268 pola raíña Dona Violante, esposa de Afonso X o Sabio. O templo foi construído no século XIII pero a actual reconstrución é do XVIII a consecuencia dun incendio que sufriu o convento o 15 de xaneiro de 1757. Posúe o claustro barroco máis grande de España. Aquí residen monxas en estrita clausura polo que non é posible acceder máis que á igrexa e ao museo que contén dúas pezas de máximo interese: a «Virxe abrideira», relacionada cos modelos composteláns do s. XIII e a «Cruz de cristal de rocha». Nas súas proximidades atópase a Igrexa de San Bieito, patrón da cidade.

O Campo da Barreira está delimitado pola construción do Real Mosteiro de Santa Clara nun dos laterais, e no centro pola Fonte circular de Ferro Caaveiro do ano 1783 con árbore fasciculada.

A capela Santuario de San Bieito foi iniciada en 1770, sendo o proxecto orixinal revisado na súa totalidade. É un modelo barroco, pola proporción dos seus elementos, a marabillosa lanterna e o campanario.

A igrexa de Santo Estevo é un templo románico, do primeiro terzo do XII, modificada en 1581, cando se constrúe a torre. Na alzada sur, hai tres sartegos encaixados en arcos de descarga. A obra do s. XVI en Santo Estevo está feita cos perpiaños do Campo dos Brancos, cos que se inicia unha correlación entre a reconstrución das igrexas románicas e a destrución das fortificacións.

O Penedo da Vela e Castelo é unha atalaia natural no antigo asentamento do castelo, con vista panorámica. Comezou a súa construción entre 1072 e 1078 con Afonso VI. Entre finais do XIV e principios do XV sufriu unha considerable reconstrución. Tiña planta rectangular, división interior en dous cadros, correspondentes posiblemente coas dúas plataformas actuais. Catro torres circulares, unha en cada esquina. Xa en moi mal estado dende tempo atrás, o Castelo desaparece a mediados do XIX por efecto da desamortización de Madoz.

O Barrio Xudeu do Socastelo foi creado extramuros no século XIII, despois de varios asentamentos xudeus nos barrios de San Pedro, Arroleiro e Vilanova. A súa presenza garda relación directa coa tradición e a lenda do fidalgo Xan de Arzúa e a Festa do Boi no Corpus.

 

A igrexa de Santiago foi iniciada cara a 1119, sendo un exemplar arquetipo do románico popular galego. De nave única e ábsida semicircular, conserva integramente a súa estrutura primixenia. O famoso treito semicircular da ábsida é un trunfo da decoración figurativa románica coa arquería cega. Ao norte ten unha á gótica con arcos, capela e sancristía. O retablo renacentista no que os altos relevos están perfectamente logrados, foi trasladado a San Bieito.

A Paneira era un monte de piedade, institución de crédito agrícola en funcionamento entre os séculos XV e XVIII.

A Casa Torre de Castro Oxea posúe tres corpos arredor da torre que data de principios do século XVI. A alzada da Rúa da Cruz é de 1748, de estilo barroco.

 

A Ponte de Vilanova ten traza orixinal románica, se ben sufriu varias reconstrucións. Ten calzada en ángulo, e no machón oposto ao tamallar, uns perpiaños co escudo da «Vila de Allariz».

O Pazo do xulgado e instrución, agora convertido en Centro Social. Con aire de típico pazo galego posúe dúas plantas e é un exemplar de estilo colonial incongruente en Galicia. Aloxa o Museo Galego do Xoguete.

Restos da muralla. No seu trazado definitivo (finais do século XV) acada unha lonxitude dun km, cunha anchura media de 2 metros e 11 metros de altura por termo medio, chegando nalgún punto aos 20 metros.

 

A igrexa de San Pedro foi consagrada en 1173, se ben da obra románica, que tiña un claustro, só queda a capela maior desfigurada. Forte torre inspirada nas militares da Vila. No sur ten encaixado o notable portón da ex-parroquial de San Salvador de Piñeiro.

A Igrexa de Santa María de Vilanova é románica, iniciada cara a 1180. Presenta unha nave de planta e capela única; o treito do presbiterio conserva toda a pureza primixenia. Sobre aquel hai un rosetón. Posúe un retablo barroco coa imaxe da patroa da vila.

O Colexio dos Salesianos conserva encastrados arcos, pilastras, cornixas e pináculos da Igrexa da Asunción, que era de 1616. Severo estilo inspirado no Herreriano. Iníciase a súa construción no 1918.

Existe tamén un cruceiro sito no Piñeiro, de pouco valor artístico, pero testemuña dun terrible suceso acontecido o 23 de xullo de 1902, cando un raio penetrou na igrexa do Piñeiro pola sancristía: ao atoparse a porta trancada o lóstrego non puido saír polo que as 25 persoas presentes morreron queimadas e por asfixia. En memoria dos mortos, e no lugar onde se levantaba a igrexa, erixiuse un prisma de granito con capitel e cruz.

Anuncio publicitario